CONFERENCIA SOBRE OS BEATLES

Esta é a segunda - e polo de agora última- conferencia que din no Ateneo Valle- Inclán de Ribeira, nesta ocasión para contar a traxectoria dos Beatles.




THE BEATLES: A GRAN AVENTURA MUSICAL DOS ANOS 60

Conferencia escrita e presentada por Javier Ferreirós o 27 de Novembro de 2008 no Ateneo Valle Inclán de Ribeira.


Os Beatles representan o paradigma do éxito da nosa época no ámbito musical e máis alá deste; son o símbolo primordial da chamada música pop, isto é, popular, xa que os seus discos, a cada cal máis logrado e que seguen a ser un referente, supuxeron tamén un éxito comercial antes nunca visto. A súa fama converteunos nun mito moderno e a súa influencia segue a ser enorme. A difusión universal e a calidade musical foron con eles xuntas da man, feito que ás veces se olvida cando a súa traxectoria é calificada, sen maiores miramentos, como “fenómeno de fans”. Claro que os Beatles hoxe en día forman parte da tradición, e a tradición está para ser derrubada.

Gran parte da xenialidade dos Beatles reside no proceso de gravación das cancións e os arranxos elixidos para as mesmas, sobre todo dende 1965, cando publican Rubber Soul. Escoitar este proceso dende unha primeira toma, cun deles á guitarra ou ó piano mostrándolle unha nova composición ó resto dos membros da banda e ó productor George Martin, ata o resultado final da canción a incluir no LP,supón un exemplo de exploración artística apaixonante que ademáis dará froitos admirables e definitivos.
Por outra banda, os Beatles, conscientes sobre a marcha da envergadura do seu mito e para “quitarlle ferro ó asunto”, son moi xenerosos e sinceiros á hora de explicar a orixe de cada unha das súas cancións (Lennon é especialmente pródigo neste sentido). Isto por un lado nos fai partícipes do seu proceso creativo e por outro menoscaba o misterio das súas excepcionais composicións. Para guiarme pola historia das cancións e dos álbumes utilicei o exhaustivo estudio titulado The Beatles:Guía completa de canciones, de W. J. Dowlding.
Tendo en conta todo isto procurarei daquela centrarme na súa evolución musical, que fixo que foran o epicentro do gran estalido da música popular da década de 1960. Por cuestión de tempo e polo carácter introductorio desta charla, só escoitaremos as cancións ou fragmentos das mesmas que considero esenciais nos logros musicais dos Beatles.


Orixes

 En EE.UU xurdiu a música que marcou a liña da música popular do século XX: jazz, blues, country... e finalmente o rock´n´roll nos anos 50. Un exemplo temprano deste xénero revolucionario é o “Rock around the clock” de Bill Haley and The Comets, banda de country and western. Meses despois chegaría o skiffle, baseado na música do sur de EE.UU, co intérprete de banjo Lonnie Donegan como estrela do xénero; en 1956 o skiffle arrasaba en Inglaterra, todo o mundo se puxo a tocar esta música, que só necesitaba dunha guitarra e unha táboa de lavar. Xurdiron centos de grupos de rapaces novos en cada cidade.
Pero o impacto chegou con Elvis Presley e o seu primeiro éxito,”Heartbreak Hotel”. O aspecto de Elvis e os seus contoneos foron adaptados de inmediato polos mozos ingleses igual que polos norteamericanos, xa que desafiaban a orde establecida, non como Bill Haley ou Lonnie Donegan, que parecían respetables pais de familia. Despois de Elvis chegaron a portos como o de Liverpool os discos de Eddie Cochran, Gene Vincent (que chegaron a actuar en Inglaterra), Buddy Holly, Chuck Berry... o que fixo que en pouco tempo apareceran en todo o Reino Unido os primeiros rockers nacionais, como Bill Fury, Cliff Richard ou os Shadows. O seu éxito fixo que se comezase a pensar que Gran Bretaña podía producir rock´n´roll sen ter que recurrir en exclusiva ós artistas americanos, o que supuxo un estímulo para moitos mozos da illa.
Entre eles John Lennon, Paul McCartney e George Harrison, todos eles de Liverpool, e todos eles ataviados cos atuendos de “teddy boys”, tupé, patillas, chupas de coiro, pantalóns estreitos...

John Winston Lennon nacera o 9 de outubro de 1940. Dende pequeno lle gustaba escribir e debuxar, ainda que era mal estudiante. O rock´n´roll foi a canle perfecta para a súa creatividade e a súa rebeldía.
James Paul McCartney e George Harrison eran algo máis novos; o primeiro naceu o 18 de xuño de 1942 e o segundo o 25 de febreiro de 1943. O centro aglutinador e o líder sería Lennon, xa que era o maior e a certas idades un par de anos marcan grandes diferencias. O propio Lennon diría moito tempo despóis que tardou anos en ver ó pequeno George como un igual.
En canto aprendeu a tocar un pouco a guitarra, Lennon formou o seu primeiro grupo, os Quarrymen. O 6 de xullo de 1957 actuaban nunha festa parroquial cando coñeceu a Paul McCartney a través dun amigo común, e en seguida o fichou tras velo rasguear uns acordes. Por influencia de McCartney, Lennon escomezou a escribir as súas propias cancións, e os dous ían aprendendo xuntos a tocar a guitarra.
Os Quarrymen contarían pouco despois, en 1958, cun terceiro guitarrista, Harrison, que coñecera a McCartney no autobús que os levaba ó instituto, e que era musicalmente máis competente que eles. Por aquel entón xa pasaran do skiffle e se dedicaban en exclusiva ó rock´n´roll. Os únicos membros fixos da banda son John, Paul e George. A finais de ano inclúen a Stuart Sutcliffe, amigo de John, compañeiro del na escola de arte e bo pintor que non tiña nin idea de música. Este iría aprendendo a tocar o baixo ante a insistencia de Lennon. Os baterías serían itinerantes.
En 1960 terán o seu primeiro mánager, Alan Williams, a quen Lennon pedira axuda. Gracias a el farán unha pequena xira por Escocia. En agosto dese ano Pete Best, a quen xa coñeceran o ano anterior, convértese no seu batería oficial. O nome que máis utilizan nesa época é o de Silver Beatles.
Pouco despóis Williams lles consegue un contrato para actuar en clubes de Hamburgo, onde medra o interese polos grupos británicos. Alí coñecerán a Ringo Starr,tamén de Liverpool, nado o 7 de xullo de 1940 como Richard Starkey Jr. e por aquel entón batería de Rory Storm and The Hurricanes. En novembro volven a Liverpool, para retornar a Hamburgo en marzo de 1961, onde conseguirán o seu primeiro contrato discográfico como grupo de acompañamento de Tony Sheridan. O resultado desas sesións é o disco hoxe coñecido como The Beatles´First. Nel xa mostran a súa pericia musical e vocal, facéndolle coros ó cantante principal; Lennon exerce de cantante solista  en “Ain´t she sweet” e inclúen unha composición instrumental firmada por Lennon e Harrison, “Cry for a shadow”, ó estilo precisamente dos Shadows, no que ouvean ó máis puro estilo rockanroleiro. Pouco despois Sutcliffe abandona o grupo para quedarse en Hamburgo cando os Beatles regresan a Liverpool. McCartney pasa a ocuparse o baixo.
Nos meses seguintes vanse confirmando como banda de renome entre os centos da cidade e tocarán como grupo fixo en The Cavern, que xurdira como local de música jazz e se vai orientando ó rock. Os Beatles seguirán actuando alí ata 1963, ano en que publican o seu primeiro disco coa compañía EMI.
Nesta época os Beatles confirman o seu potencial como banda de directo, deslizando algunha canción propia entre o seu repertorio de temas de rock´n´roll americano. Dende moi pronto destacan tamén polas súas armonías vocais. As voces de Lennon, Mc Cartney e Harrison encaixaban perfectamente. Ademáis, algo inusual neses tempos, os tres se van alternando como voz solista, mentres tocan o seu instrumento correspondente. O resto de grupos soen ter un cantante que exerce como tal sen tocar ningún instrumento. E por se fora pouco, adoptan o peiteado con flequillo dos seus amigos existencialistas alemáns.

O single de aquel disco gravado en Hamburgo como acompañantes de Tony Sheridan foi o tema “My Bonnie”, baseado nunha canción tradicional. O 28 de outubro de 1961 un rapaz chamado Raymond Jones vai á tenda da familia Epstein en Liverpool e lle pide a Brian Epstein, encargado da sección de discos, “My Bonnie” de Tony Sheridan & The Beatles, aínda non editado en Inglaterra. Uns días despois dúas rapazas fan o mesmo. Brian Epstein intéresase polo grupo e descubre que pode velos actuar en The Cavern. Epstein, actor frustrado de 27 anos, queda fascinado pola música e a salvaxe posta en escena dos Beatles. En decembro ofréceselles como mánager. Ó parecer, a súa atracción por John Lennon foi clave para a providencial entrada en escena deste personaxe, que puliría a imaxe do grupo para facelo presentable ante o establishment da época. Con él chegaron o traxe e a garabata, a prohibición de soltar tacos, beber e cuspir no escenario, e sendo xa mundialmente famosos, a imposición de evitar declaracións que mostraran o seu posicionamento político respecto a acontecementos como a guerra do Vietnam. En entrevistas posteriores á disolución dos Beatles Lennon dixo que isto supuxo unha renuncia necesaria para alcanzar o éxito que fixo que o grupo perdera frescura no escenario. Segundo él, coma sempre propenso a dramatizar, o grupo morreu musicalmente nese momento. Aquí temos o xerme dunha controversia: os Beatles vendéronse a un mal necesario e probaron en primeira persoa, dende o seu primeiro disco con EMI, os sinsabores da fama mundial para acceder á liberdade creativa total.

Pero antes diso, unha vez firmado o contrato con Epstein, éste tentará conseguirlles un contrato discográfico coa compañía Decca. Nese mismo mes o grupo é declarado pola revista local Mersey Beat como o mellor de Liverpool.
O día de aninovo de 1962, con Pete Best aínda como batería, os Beatles fan unha audición para Decca gravando nos seus estudios de Londres 15 cancións, das cales podemos escoitar varias no primeiro volume do Anthology, triloxía editada nos anos 90 que recolle rarezas, primeiras tomas e descartes da banda. A selección do repertorio, sorprendentemente, non se centra no rock n´roll, senón en temas máis amables e lixeiros, por así dicilo. Entre eles hai unha canción de McCartney, “Like dreamers do”, e outra de Lennon, “Hello little girl”; tamén temas de espectáculos musicais da época, como “Three cool cats” e “The sheik of Araby”, con Harrison en ambos á voz solista. McCartney canta na interpretación de “Bésame mucho”. Os temas de corte máis rockeiro son “Searchin´” e a versión, máis tarde archifamosa, de “Money”.
Decca diralles que non, e no lugar dos Beatles escollerán a outro grupo que fixera tamén unha proba ó mesmo tempo, Brian Poole & The Tremeloes. O grupo seguirá sen compañía discográfica. En maio, Brian Epstein entra en contacto con George Martin, de 36 anos, e responsable do selo Parlophone, pertencente a EMI Records, coa que firmarán un contrato provisional, trala aprobación de Martin, para gravar unha maqueta. Na primeira sesión gravan “Bésame mucho” e tres cancións propias que despois aparecerían no seu primeiro LP: “P.S. I love you”, “Ask me why” e “Love me do”.
En xullo firman un contrato definitivo coa compañía. George Martin dille a John, Paul e George que teñen que cambiar de batería; como eles mesmos sabían, Pete Best non estaba á altura. Invitan a Ringo a formar parte do grupo e Epstein despide a Best.

Comezos na industria discográfica

A partir de agora, dende o seu primeiro disco, como xa dixen, comeza un proceso fulgurante sen parangón ata entón que levará ós Beatles ó máis alto no plano comercial, ó tempo que a súa evolución creativa e o seu rendemento neste plano parece non atopar límite; teñamos en conta que dende o primeiro disco ata o último oficial da banda pasaron menos de 8 anos. Un dos cumios tempranos deste vertixinoso proceso será a conquista do mercado estadounidense (algo cáseque impensable para un grupo inglés ata eles) feito que os leva a convertirse en adalides da mocidade, con todo o que significaba nos anos 60. Ata o momento da gravación de Rubber Soul en 1965 e o abandono das actuacións en directo ó ano seguinte, os Beatles filtraron pola súa creatividade o primeiro rock´n´roll e os xéneros adxacentes a éste, como o rhythm and blues da Motown americana (unha casa discógráfica de Detroit especializado na música negra que lanzou a grupos como as Supremes), o skiffle ou o country, logrando unha fusión máis atractiva e fresca ca de outros grupos que tentaban o mesmo.
Primeiro editaron o single “Love me do” o 5 de outubro de 1962; tivo un éxito limitado, pero xa sinalaba un camiño: foi escrito por McCartney coa axuda de Lennon, e en 1962 non era nada frecuente que os artistas que gravaban discos compuxeran as súas cancións, e menos un primeiro single para facerse un oco no mercado.
Un inciso: ata o final da banda sempre aparece a firma “Lennon- McCartney” de forma conxunta dando a entender que sempre escribiron cancións pegados un ó outro. Isto só foi unha fórmula creada pola editora das súas cancións. É certo que case todos os seus primeiros éxitos como “She loves you” ou “I want to hold your hand” foron escritos por John e Paul cara a cara, pero normalmente un dos dous chegaba cunha canción practicamente terminada e o outro axudaba a redondeala cunha pequena aportación na letra ou na estructura musical. Nos últimos discos cada un comporá as súas cancións sen apenas aportación do outro, e Harrison irá metendo os seus propios temas entre as composicións dos Beatles. Como feito indicativo, o que canta a voz soe ser o autor, salvo a maioría das que canta Ringo e as primeiras que cantou Harrison.

Como dixen, o éxito de “Love me do” foi moi limitado, a pesares dos intentos de Brian Epstein por promocionalo nos medios. Lennon incluía unha armónica, como faría en “Please, please me”, en “From me to you” e en moitas do segundo disco, ata darse conta de que estaba abusando dese instrumento. O productor George Martin non se deu por satisfeito coa gravación de “Love me do” ata a toma 17. Parecíalle unha canción moi mala, e pensaba que se iso era o mellor que tiñan, habería que contratar a compositores profesionais para que lles escribiran cancións.
A cousa cambiou con “Please, please me”, segundo single (editado en xaneiro do 63) e primeiro número un do grupo; Martin mostrou unha visión profética ó dicirlle ós Beatles nada máis gravala: “Cabaleiros, acaban de conseguir o seu primeiro número 1.” O éxito da canción motivou a gravación e edición apresuradas do primeiro álbum dos Beatles, tamén chamado Please, please me. De feito foi gravado nunhas 13 horas, entre concerto e concerto; alcanzou o número un e mantivo ese posto durante 29 semanas, establecendo un  récord de permanencia. Por aquel entón os LP´s non eran máis que un ou dous singles exitosos e cancións de recheo, o LP aínda non tiña entidade como tal.
Neste primeiro álbum os Beatles incluían 8 cancións propias e 6 versións. Segundo George Martin tratábase de reproducir un concerto “na relativa tranquilidade do estudio”. Aquí confirmaban o seu talento para as armonías vocais e para darlle un toque personal á musica que lles gustaba coas súas composicións.
Sobreenténdese que foron número un só en Inglaterra; Capitol, selo que editaría os discos dos Beatles en EE.UU, rexeitou editar estes primeiros singles e o álbum; non o faría ata a irrupción da “beatlemanía” no país. A partir dese momento, tanto en Inglaterra como en EE.UU, que os Beatles non alcanzaran o número un nas listas (cousa que non ocurre ata 1967) sería para a prensa sinónimo de crise creativa do grupo.
Aparecerán en diversos programas da BBC, tanto na radio como na televisión, adicados íntegramente a eles; as actuacións emitidas pola radio nestes primeiros anos serán recollidas no doble LP editado en 1994 Live at the BBC.
Unha das constantes en toda a carreira dos Beatles, e tamén nas súas carreiras por separado, será a edición de singles con temas que non aparecerán nos álbumes, así como algún EP (término medio entre single e LP, normalmente formado por catro cancións). Este costume comeza co single “From me to you”, con “Thank you girl” como cara B, cancións escritas ó 50% por Lennon e Mc Cartney. A súa creatividade podía aguantar o tirón das enormes expectativas comeciais que xeneraban (tiñan a intención de editar dous discos e catro singles por ano, o que farán ata 1965). Isto corrobórase co seguinte single, editado en agosto de 1963: “She loves you”, con “I´ll get you” na cara B.
“She loves you” é unha xoia temprana, de espléndida construcción e execución. Aquí redundan noutro feito que será tamén unha constante da súa obra, a ausencia de solos na maioría das súas cancións importantes, dándolle á melodía cantada a exclusividade da liña musical a desenrolar na interpretación. Lennon e McCartney aportan dúas voces solistas perfectamente conxuntadas, tanto técnicamente como no referido ó magnífico contraste sonoro que crean. A canción remata cunha nota alta ante a que George Martin se mostraba nun principio reticente, pero logo tivo que admitir que era o final adecuado. Desta canción, “She loves you, yeah, yeah, yeah” ven ó de chamarlle ós mozos melenudos da época “yeyés”.
Os Beatles puxéronse a gravar as cancións do seu segundo álbum menos de catro meses despois da saída o primeiro e estando inmersos nunha agotadora programación de concertos e aparicións en radio e televisión; titularase With the Beatles e sairá á venda en novembro de 1963. Neste disco inciden sobre todo na música negra, tanto nas versións como na fonte de inspiración dos temas propios. Harrison inclúe por vez primeira unha canción súa, “Don´t bother me”. Aquí, sempre coa axuda de George Martin, empeza un tímido proceso de experimentación tecnolóxica no estudio ó doblar as voces en dúas pistas, o que fan ó longo de casi todo o álbum. Os temas de Lennon, sobre todo “It won´t be long”, que abre o disco, “All I´ve got to do” e “Not a second time”(con Martin ó cargo do piano), están moi marcados pola música da Motown. Mc Cartney contribúe con “All my loving” e o tándem Lennon- McCartney escribe para Ringo “I wanna be your man”, que versionearán despois os Rolling Stones. O disco péchase coa definitiva versión de estudio de “Money”.
Ese mismo mes, nun acto insólito e bastante estrafalario, os Beatles actuarán perante a raíña de Inglaterra e outras personalidades formando parte do programa dunha gala benéfica anual no Prince of Wales Theatre; as vendas dos discos e merchandising do grupo xa aportaban grandes beneficios ó Tesouro británico co espallamento da “beatlemanía” por Europa.

O seu seguinte single é “I want to hold your hand”, coa balada “This boy” na cara B. Unha vez máis, Lennon e Mc Cartney cara a cara. Desbancará a “She loves you” do primeiro posto das listas inglesas. Editada só unha semana máis tarde que With the Beatles, “I want to hold your hand” será a canción que lles vai abrir as portas de América; Capitol Records, en vista do éxito en Inglaterra e tras varios rexeitamentos, decide por fin editar os discos dos Beatles en EE.UU.

A Beatlemanía

Como xa dixen na charla sobre Dylan, cando os Beatles chegaron a América o rock´ n´roll estaba cáseque pasado de moda, coas súas principais figuras fóra de escea. Antes de que os editara Capitol, un par de compañías pequenas editaran os seus traballos sen moito éxito. O contido e os títulos dos discos americanos serían diferentes; por exemplo, o primeiro disco titulábase Introducing The Beatles, editado por Vee Jay Records, e non incluía “Please, please me” nin “Ask me why”. Os membros do grupo calificarían estas reedicións americanas, sobre as que non tiñan control, de “odiosas”.
Capitol edita Meet the Beatles incluindo nel “I want to hold your hand”, que chega ó número un en febreiro do 64. Dispárase a “beatlemanía” no país, e imprímense cinco millóns de carteis coa frase “Chegan os Beatles”.
E efectivamente chegaron nese mes de febreiro de 1964 a Nova York, onde para a súa sorpresa lles agardaban miles de fans. Actúan no Show de Ed Sullivan da CBS, visto ese día por 73 millóns de americanos, o 60% da audiencia, saludados como novos reis da música. Os medios máis reaccionarios os atacan dende o principio e xurden pronto imitadores e grupos manufacturados como The Monkees ante a humillación de que un grupo de rock inglés arrase nos EE.UU.  O fenómeno é de tal envergadura que en abril dese ano os primeiros cinco  postos das listas americanas eran temas dos Beatles, con “Can´t buy me love” á cabeza, e tiñan outras 7 cancións entre as 100 principais.
Durante a exitosa xira os concertos consistían nun show dunhas doce cancións interpretadas en media hora. Progresivamente, nos seguintes dous anos irían sentíndose como monstruos de circo no que o de menos era a música, o que unido a unha serie de circunstancias lamentables os levará a renunciar ás actuacións en directo.
Pero de momento, o éxito en EE.UU tradúcese na chegada do éxito a nivel mundial.

O seguinte paso foi  A Hard Day´s Night. En palabras de Dowlding: “De volta da súa xira triunfal por EE.UU, os Beatles enfrontáronse a un novo prazo para producir outro álbum, esta vez ligado a unha película. Isto requería a inmediata gravación dalgunhas cancións para a banda sonora, ó que lle seguiría a rodaxe da película e máis gravacións para completar o álbum. A pesares da dureza do programa, os Beatles aínda encontraron tempo para unhas cantas actuacións en directo e varias aparicións na radio e a televisión da BBC. Este álbum, o único que se compón exclusivamente de temas orixinais de Lennon e McCartney, obtivo un éxito enorme. De feito, foi unha proeza de Lennon, quen compuxo a grande maioría das cancións. Ademáis, A Hard Days Night anunciaba o uso cada vez máis sofisticado do estudio que caracteriza ós Beatles.” (páx. 63)
O álbum editouse en xullo de 1964. Polas declaracións de Lennon, o impulso creativo e o comercial iban aquí da man, como no caso da canción “Tell me why”. Segundo el, “necesitaban outra canción animada, así que a fixen nun momento. Era como unha canción dun grupiño de miniñas negras de Nova York.” (setembro de 1980). Sexa como for, o disco en conxunto é, por así dicilo, máis contundente e compacto que os anteriores, e nel priman claramente os temas “animados”, como di Lennon, por riba das baladas, como “And I love her”, de McCartney. Así mesmo a película esta construida cos precedentes dos que serán os videoclips, vemos ós Beatles tocando e correndo e brincando...mentres soan os seus temas.

En xuño comezaran unha xira mundial: Dinamarca, Holanda, Hong Kong, Australia, Nova Zelanda... en Australia haberá disturbios entre fans e detractores. Dentro desta xira mundial fan a súa primeira xira real por EE.UU, xa que a primeira vez que chegaron ó país limitáranse a actuar en Nova York e Washington e na televisión. Alí actuarán dúas veces ó día, darán conferencias de prensa, recepcións para os peixes gordos e as súas fillas, nunha voráxine de loucura que producirá varios altercados, como o destrozo da súa limusina por parte de fans histéricos en California ou ameazas de bomba.
Dous meses despois de editarse A Hard Day´s Night comezan a gravar temas para o seguinte disco, Beatles for Sale. Tanto o título (“Beatles á venda”) como a portada o din todo: están cansos e gravan outro disco por esixencias de contrato. De  novo contén oito temas propios e seis versións, xa que non tiveran tempo de compoñer un disco enteiro. Antes gravaran e editaran o single “I feel fine”. O novo LP sae ó mercado en decembro de 1964, e a pesares da falta de ambición creativa que o caracteriza en conxunto, contén xoias como “I´m a loser”, coa que Lennon comeza a escribir unhas letras máis elaboradas e persoais que as xa manoseadas sobre romances adolescentes tan propias do primeiro rock´n´roll; Lennon admitiu a influencia de Dylan para dar este xiro, como lle pasou a tantos músicos da súa xeración. Lennon dirá sobre esta canción á revista Playboy en 1980: “Eu na miña época Dylan... unha parte de min sospeita que son un perdedor e outra parte crese Deus Todopoderoso.”
O disco tamén se decanta cara o sonido acústico propio da música americana do momento.
Certos aspectos introspectivos das cancións dese álbum veranse reforzados en Help!, quinto disco do grupo no que a metade dos temas pertencen á banda sonora da segunda película dos Beatles e que só inclúe dúas versións; respecto ó tema titular, “Help!”, Lennon dirá que realmente estaba pedindo socorro, que estaba gordo e inseguro. McCartney, que colaborou en pequena medida na canción, di que o título saeu da desesperación. A canción “You´ve got to hide your love away” tamén a firma Lennon, outra tema acústico e melancólico de corte dylanesco no que soan flautas tocadas por músicos de estudio.
McCartney é o autor de “Yesterday”, que aparece neste disco aínda que ó principio non saiu como single. “Yesterday” resume o carácter transitorio deste LP, con elementos do rock da primeira época e lixeiras incursións nos novos sons  propias do futuro dos Beatles. “Yesterday” é a primeira canción do grupo aceptada polo público adulto, así como o tema de música pop máis versionado de tódolos tempos. George Martin diría sobre esta canción en 1979: “O punto de inflexión veu probablemente coa canción “Yesterday”(...) Foi con “Yesterday” cando comecei a escribir as partituras da súa música. Foi con “Yesterday” cando utilizamos por primeira vez instrumentos ou músicos que non foran os Beatles ou eu mesmo (...) o novo ingrediente era nin máis nin menos que un cuarteto de cordas; e iso, no mundo pop daqueles días, era un paso moi importante.” Esta foi tamén a primeira canción que un beatle gravou só (McCartney á guitarra acústica.).
 Harrison contribúe con “You like me too much”; dende o segundo álbum que non incluía ningunha canción composta por él. Dende este momento a súa presencia nos discos como cantante e compositor e a calidade das súas cancións irán medrando.
En xuño son nombrados Cabaleiros do Imperio Británico; en xullo actúan en España entre outros países europeos e en agosto emprenderán unha nova xira por EE.UU., sendo o primeiro concerto da mesma o que deron no Shea Stadium de Nova York, e que foi filmado como un dos momentos máis álxidos da carreira dos Beatles. Con 55.600 espectadores mantén o récord de audiencia ó aire libre ata os anos setenta. Os Beatles estaban nun pequeno estrado e os amplificadores eran, segundo Lennon, “do tamaño dun chícharo”. Neste tipo de acontecementos, como eles sabían, o de menos era a música; nas gravacións destes concertos predominan os berros extasiados das fans.
En outubro gravan un novo single, “Day Tripper” e “We can work it out”. Esta última é unha mostra moi elocuente da forma de traballar e dos caracteres do tándem Lennon- McCartney; McCartney compón a parte que dá título á canción, na que fala da posibilidade dunha reconciliación gracias á empatía, e pode estar falando tanto dunha relación de parella como dunha situación conflictiva en xeral, o que supón que este é o primeiro tema “pacifista” dos Beatles. Lennon aporta a outra parte da canción, apremiante, na que advirte que a vida é moi curta para andar a pelexar.

Para a campaña de Nadal dese ano de 1965 se lle esixía un novo álbum. O resultado, un dos seus mellores discos e o que sinala unha nova e moi orixinal orientación, e canto máis sorprendente tendo en conta que traballaban baixo a presión de cumprir cuns prazos moi estrictos.

Rubber Soul e a fin das xiras
O disco ó que me refiro é Rubber Soul, gravado nun mes, entre outubro e novembro. O disco está cheo de cancións innovadoras, como “Norwegian Wood”, na que escoitamos por vez primeira un sitar (unha especie de guitarra hindú) na música popular de occidente, froito do recente interese por aquel entón de George Harrison pola cultura da India. Lennon pediulle que fixera un solo con este instrumento na canción, e tras varios intentos Harrison conseguiu reproducir o arranxo que Lennon pensara. A letra deste tema fala de novo dunha relación amorosa, pero cun enfoque irónico,con versos como: “Ela díxome que traballaba pola mañá e empezou a rirse/ Díxenlle que eu non e arrastreime para durmir na bañeira.”
En “Girl”, tamén de Lennon, escoitamos algo semellante a música grega ó final da canción; na letra o autor mostra o rexeitamento de que para alcanzar a felicidade primeiro hai que sufrir, crenza tan propia do cristianismo.
“In my life” e “Nowhere man”- novamente Lennon preocupándose pola calidade dos textos- tamén inclúen letras evocadoras que van máis alá do concepto de que a letra dunha canción se escribe só porque hai que cantala. En “In my life” George Martin toca un solo de piano ó que lle dobrou a velocidade para que soe como unha especie de clavicordio.
Moito se ten falado do “quinto Beatle”, de quen ocupaba esa posición; de haber un quinto Beatle ese sen dúbida era Martin, que atopaba solucións concretas ás moitas veces vagas demandas musicais dos catro rapaces, sobre todo a partir desta etapa, cando o traballo do grupo se centre na explotación das posibilidades do estudio de gravación; Martin é o productor do grupo dende o principio ata o final e responsable do seu son, xa que era o único do equipo de traballo dos cinco cunha formación clásica, o que escribía o arranxo para, por exemplo, os violinistas despois de que McCartney lle tarareara unha idea. A pesares de que a última palabra era sempre dos Beatles, as suxerencias e a experiencia de Martin eran tidas en conta en todo momento.
Harrison aporta dous temas, “Think for yourself” (da que dixo anos despois que tal vez estaba adicada ó goberno) e “If I needed someone”, presente nos últimos concertos da banda con arranxos vocais que recordan á música hindú ou á árabe. Así mesmo, Ringo colabora por vez primeira na composición con “What goes on”, un tema que esbozara Lennon na súa adolescencia.
Na portada do disco non figura o nome do grupo, algo nunca visto ata entón. A fotografía dos Beatles xa non nos mostra a súa imaxe engarabatada dos primeiros tempos imposta polo seu mánager Brian Epstein, que segue a programarlles as xiras e os encontros coa prensa pero vai perdendo poder respecto á imaxe do grupo, e, cando abandonen as xiras, tamén sobre as súas manifestacións públicas. Agora os Beatles, rodeados dunha nube de marihuana, vestirán como queiran.
En abril de 1966, tralo single “Paperback writer/Rain” (na que xa soa a voz de Lennon ó revés) comezan a gravar as cancións que formarán Revolver, e que suporá un paso máis alá respecto a Rubber Soul, máis eléctrico e imposible de recrear en directo debido ós seus achádegos sonoros: solos de guitarra e voces ó revés, música hindú, metais, efectos con son de submarino, violíns, violas e violonchelos en “Eleanor Rigby”...Revolver supuxo un salto de xigante respecto a evolución no traballo de estudio dos Beatles, e as súas letras están máis elaboradas, liberadas definitivamente dos corsés dos primeiros tempos. Aparecen referencias á percepción distorsionada da realidade causada polo ácido, que probaran por vez primeira facía pouco, en tres temas de Lennon, “Doctor Robert”, “She said, she said” e “Tomorrow never knows”. A partir de agora fans e críticos verán apoloxía das drogas en moitos dos temas do grupo, incluso en “Yellow submarine”, canción infantil de McCartney incluida neste álbum. Predominan, polo tanto, os temas non amorosos. En “Taxman”, Harrison, que aporta tres cancións propias a un total de catorce, fálanos de facenda e dos políticos, da imposibilidade de zafarse das súas gadoupas.
A portada do disco tamén é mostra dun afán experimentador: consiste nun collage con fotos dos Beatles sacadas das revistas por Lennon e McCartney. Contaron coa axuda para o deseño final de Klaus Voorman, vello amigo de Hamburgo.
O 21 de xuño de 1966 remataron de gravalo e o 23 iniciaron a súa última xira mundial, na que, polo dito, non tocarán ningún tema de Revolver.
Esta xira será a gota que colma o vaso da paciencia dos Beatles, na que a fama e o delirio colectivo ameazan a súa integridade física e mental. A primeira etapa desta xira  lévaos a Alemania, Xapón e Filipinas. Na viaxe a Xapón realizan unha aterraxe de emerxencia en Alaska por mor dun tifón; xa en Xapón son acosados polos sectores máis conservadores; en Filipinas rexeitan asistir a unha recepción organizada pola muller do dictador Marcos, o que desata a ira da nación, con ameazas de morte incluidas; a Epstein non lle deixan dar explicacións e saen perseguidos do país pola policía; non lle pagan o concerto que deran en Manila; néganse a tocar en Sudáfrica. En agosto chegan a EE.UU.
En abril Lennon dixéralle a unha periodista en Inglaterra que os Beatles eran máis famosos que Xesucristo. A publicación da frase en EE.UU fóra de contexto fai xurdir unha voráxine antibeatle no país: quéimanse os seus discos e fotos en varios estados sureños, que tamén vetan as súas cancións; o Gran Dragón do Ku Klux Klan queima varias cruces “na súa honra”. Lennon, a instancias de Epstein, dá explicacións e pide perdón. A pesar de todo, cando se edita Revolver ese mes chega inmediatamente ó número un.
O seu último concerto é o 29 de agosto en San Francisco ante 20 mil persoas. Tomando unha decisión sen precedentes, abandonan as xiras e as actuacións en directo, algo que levaban facendo xuntos dende que se coñeceran e a un ritmo extenuante dende 1963. A partir de agora todo o seu traballo se centrará no estudio de gravación, e sustituirán os directos por incipientes videoclips que envían ás televisións. Ademáis no estudio non se limitarán a tocar os instrumentos asignados a cada un dende o principio, xa que, salvo Ringo, que se queda coa percusión, todos tocarán todo tipo de instrumentos. A partir de agora seguirán levando as rendas da música popular dende a “torre de marfil”, por así dicilo, dos estudios Abbey Road de Londres. Hoxe en día, esta iniciativa non deixa de chamar a atención, e máis agora que internet supón o presente e o futuro do acceso á música e a economía dos grupos depende en grande medida das actuacións en directo.

É entón cando Brian Epstein lles concede vacacións por primeira vez e os catro rapaces descubren a vida privada. Lennon participará nunha película rodada en Almería e en novembro coñece a Yoko Ono; McCartney escribe a banda sonora doutro film, e Harrison parte cara a India. Dispáranse os rumores sobre a súa separación ata que volven ó estudio de gravación a finais dese mes de novembro; Lennon enséñalle ó resto “Strawberry Fields Forever”, que escribira en Almería. O proceso de gravación da mesma será moi laborioso, e ista será a nota predominante dos seguintes LP´s e singles debido ás súas esixencias creativas e á súa disponiblidade absoluta de equipo, material, e tempo.
Vou poñer varios extractos de como foi medrando “Strawberry Fields Forever” ata a súa fixación definitiva como cara B de “Penny Lane”, a resposta de McCartney ó desafío creativo que lle plantexara Lennon coa canción escrita en España. Esta sana rivalidade comezaba a marcar a individualidade dos compositores dos Beatles.

O single apareceu en febreiro de 1967, cando xa estaban inmersos na gravación do Sgt. Pepper. Tamén rodaran un videoclip de “Strawberry Fields” na  que a novidade de que aparecesen con barbas e bigotes era unha “proba” para varias publicacións de que tolearan a causa das drogas e demáis.

Sgt. Pepper´s Lonely Hearts Club Band
O Sgt. Pepper´s Lonely Hearts Club Band  é o momento máis festivo e luminoso dos Beatles, na época en que eran as cabezas visibles da recén saída a flote cultura da mocidade, xunto con amigos e músicos que por aquel entón frecuentaban moito como os Rolling Stones, Jimi Hendrix, os Who, os Beach Boys (que nesta época rivalizaron con eles no terreo creativo) e tantos outros. Os discos de  rock´n´roll eran o medio polo que a mocidade accedía a outras realidades que estaban máis alá da súa vida cotiá. Cando se publicou o Sgt. Pepper o 1 de xuño de 1967, ó principio do que se chamou “o Verán do Amor” a guerra do Vietnam estaba no seu momento máis álxido. O Sgt. Pepper sería a banda sonora daquel verán no que floreceu o movemento hippie nos EE.UU.
Este disco cambiou en grande medida a forma de concibir a música pop: antes del, sobre todo nos EE.UU, a unidade básica era o single, como xa dixen, e se un artista tiña un éxito a discográfica xuntaba outras dez cancións e sacaba un álbum para vender máis.
En Inglaterra os Beatles xa editaran singles sen incluilos posteriormente nos álbumes. Co Sgt. Pepper foron máis aló: procuraron darlle unha unidade temática ó disco (o que conseguiron en parte, en canto a son, pero non no relativo á temática das cancións) e negáronse a que se extraeran singles del para non socavar esa unidade. Por iniciativa de McCartney, o disco presentaríase como se fose un concerto dun alter ego do grupo, e as cancións encadénanse sen apenas silencios entre elas coma nun directo.
A portada tamén vai máis aló do visto ata o momento, xa que McCartney creu que había que darlle un aspecto digno do seu contido: nela reuniron a iconos da cultura, a política e a sociedade, como Marylin Monroe, Lewis Carroll, Karl Marx ou Marlon Brando. Tamén aparecen eles con bigotes e vistosos traxes ó lado das súas reproduccións en cera duns anos atrás, con traxes escuros e rostros sombríos, establecendo un gran contraste coa época da beatlemanía. Brian Epstein opúxose a esta portada, pero os Beatles, tralas xiras, facían o que querían. Na contraportada  imprimíronse as letras das cancións, algo tamén moi pouco usual por aquel entón.
O equipo técnico e a instrumentación foron levados ó límite nos catro meses que durou a súa gravación, ata abril do 67. Os Beatles utilizaron unha orquestra de 40 músicos e, decididos a que o disco fora radicalmente distinto, gravaron cada instrumento e cada voz con algún tipo de manipulación: en verbas de Dowlding, “distorsionaron, comprimiron, puxeron eco e ecualizaron, convertindo o estudio nun auténtico laboratorio de experimentación sónica.” (páx. 151). O cumio desta experimentación foi a inclusión dunha nota só audible para os cans e dun galimatías de dous segundos no final da cara B. Nalgún momento George Martin creu que aquel disco se lles fora das mans ós cinco. Hai que lembrar que todo isto foi gravado cun equipo de catro pistas. Segundo un membro dos Lovin´Spoonful, “parecía unha tarea casi insuperable que puideran tan sequera lograr algo.”
Persoalmente estou dacordo con Al Kooper, músico americano, na defensa da arte de Ringo que supón a seguinte declaración: “Antes deste álbum, os fraseos de batería no rock´n´roll eran bastante rudimentarios(...) e este disco ten o que eu chamo fraseos con espacio”, nos que a batería se fai notar tamén a través dos silencios que deixa. Isto é especialmente notable en “A day in the life”.
A crítica e os colegas músicos desfíxéronse en eloxios cara este LP, se ben co paso dos anos a tendencia é a de preferir Revolver ou Rubber Soul como depositarios de mellores cancións que o Sgt. Pepper, a pesares de que éstas están máis elaboradas no plano da gravación. As cancións contan con melodías e letras excelentes, coma no caso de “Lucy in the Sky with Diamonds”, de Lennon, tecida con poesía onírica, ou “Fixing a hole”, de McCartney. “Within you without you” é unha canción hindú escrita por Harrison e interpretada por músicos da India e el mesmo, cun solo tocado no estraño compás de 5/4. Varios animais se persiguen uns ós outros ó final de “Good Morning, good morning”, e na orquestación de “A day in the life”, de Lennon e McCartney, Lennon pediulle a Martin que a partitura a dar a ler á orquestra “soara como se fora a fin do mundo.” Esta canción foi censurada pola BBC a causa do verso “I´d love to turn you on” (“gustaríame excitarche”).

Escoitemos “A day in the life”, coa batería de Ringo, a fin do mundo e a excitación.

De “All you need is love” á fin da psicodelia
En maio dese ano os Beatles firmaran un contrato coa BBC no que se comprometían a compoñer e interpretar unha canción representando á cadea e a Inglaterra en conxunto no primeiro programa que ía ser emitido a nivel mundial o 25 de xuño. Os Beatles decidiron que tiñan que dicirlle ó mundo que o que necesitamos é amor. O programa foi retransmitido vía satélite para 24 países e foi visto por 400 millóns de persoas. No coro de “All you need is love” participarán Mick Jagger e Keith Richards entre outros.
A canción foi lanzada como single con “Baby you´re a rich man” na cara B, na que se metían cos fillos de papá.
 A finais de agosto suicídase Brian Epstein, vencido pola depresión á que contribúe o feito de que os Beatles xa non parecen necesitar dos seus servicios como mánager tralos cambios dos últimos dous anos. Segundo Lennon a morte de Epstein marcou a fin dos Beatles como grupo e fixo saír á luz ós individuos que o formaban, se ben como xa sinalei isto xa ocorría dende facía un tempo, feito normal en homes que mediaban a vintena e que levaban tantos anos literalmente pegados uns ós outros. A partir de agora eles levarán o negocio; pero só eran bos músicos, e o grupo de empresas que fundan agora, Apple Publishing Limited, non fará máis que perder cartos. Unha das empresas é Apple Records, dende o que lanzarán a novos artistas e os discos dos Beatles, que seguirán a ser distribuidos por EMI e Capitol.

McCartney, que fora o gran impulsor do Sgt. Pepper, pon en marcha outro proxecto que xa viña fraguando durante a gravación dese disco: refírome a Magical Mistery Tour, que será unha película para televisión de corte vanguardista coa banda sonora das cancións escritas e gravadas tralo Sgt. Pepper. Primeiro esta banda sonora saiu en forma de EP de 6 cancións. En EE.UU engadíronse os singles de  “All you need is love/Baby you´re a rich man” e “Hello goodbye/I am the walrus”, completando así un álbum.
“Hello Goodbye” lanzárase ó mercado pouco antes que Magical Mistery Tour, en novembro de 1967. A cara B, “I am the walrus”, é unha peza mestra de Lennon, e a este molestoulle que fora relegada por “Hello goodbye” como cara A do single.
En “I am the walrus” Lennon desata todo o seu potencial como escritor de nonsense, moi influido por Lewis Carroll e outros autores ingleses; a música é absolutamente barroca e psicodélica, e tamén se escoitan ó final fragmentos de O Rei Lear de Shakespeare.
Magical Mistery Tour recolle tamén a única peza instrumental da discografía oficial dos Beatles, e a primeira que firman os catro. Nel tamén aparece “The fool on the hill”, de McCartney, que ven a dicir que a iluminación reside na loucura, algo que o traballo dos Beatles dicía de maneira implícita dende 1966.
A película, estreada a finais de decembro, foi o primeiro traballo do grupo que recibiu malas críticas dende sectores especializados. Segundo Lennon, foi “a película doméstica máis cara da historia”, enfadado porque McCartney asumira o control do grupo trala morte de Epstein.

Volta ó rock & roll

En 1968 os Beatles deixan a psicodelia e a experimentación sonora máis extrema no seu traballo para volver a infundirlles ás súas cancións un sonido máis sinxelo. A partir de agora, e sobre todo do álbum The Beatles ( coñecido como “álbum branco”), o grupo consistirá básicamente en tres compositores (Lennon, McCartney e Harrison) que utilizan ós outros para gravar cadansúas cancións. É o principio da fin e cada un comezará a ter diferentes intereses e a seguir o seu propio camiño.
A volta ó rock´n´roll comeza con “Lady Madonna”, de McCartney, single que na cara B leva “The inner light”, de Harrison, onde a música foi gravada por músicos hindús e Lennon, McCartney e Harrison poñen voces. Pouco despois, a mediados de febreiro, os Beatles marchan á India para dar un curso de meditación trascendental co Maharishi, santón hindú ó que frecuentaban dende o ano anterior e que logo se revelará como un fiasco, ó aproveitarse da fama e os cartos dos Beatles e outras estrelas. Na estancia na India, que se prolongará ata finais de abril (aínda que Ringo e Paul voltan antes), se escribirán a maioría das cancións do “disco branco”, que comezan a gravar en maio.
 No verán gravan “Hey Jude”, e a publican con “Revolution”,canción política de Lennon non moi do agrado dos outros, na cara B.
Lennon dixo en 1972, trala separación da banda, que “Hey Jude” era a mellor canción de McCartney. Ademáis nela Paul demostra sobradamente as súas dotes como cantante sobre todo no fundido final, no que os Beatles se fan acompañar dunha orquestra e na gravación para a televisión duns espontáneos que estaban á porta do estudio.
O disco branco foi publicado en novembro, 18 meses despois do Sgt. Pepper,o anterior álbum propiamente dito. Como dixen, cada un traía as súas cancións e as gravaba cos outros; McCartney incluso gravou un par de cancións el solo e chegou ó punto de borrar a batería de Ringo cando este marchaba do estudio e gravala el. Isto sucedeu polo menos en “Back in the USSR”, canción que abre o disco. Así que Ringo abandonou o grupo para volver días despois. Nestas sesións xurdiron os primeiros conflictos serios entre eles, a pesares da meditación.
Este é o único disco doble dos Beatles e o que máis tempo lles levou gravar, de maio a outubro, xa que no estudio non tiñan límite de tempo para xogar coas cancións. George Martin lles recomendara que sacaran só un disco sinxelo co mellor daquel material; pero eles argumentaron que así lle debían un disco menos a EMI.
Aínda despois de todo o dito, The Beatles contén algunhas das mellores cancións do grupo, todas elas impregnadas da personalidade dos seus respectivos autores. As 30 compoñen unha ampla diversidade, do rock duro de “Helter Skelter” que concibe McCartney a suaves temas acústicos, sen olvidar o experimento conceptual e antimusical de “Revolution 9” que elabora Lennon por influencia de Yoko Ono.
Ringo aporta a primeira canción completa que compón, “Don´t pass me by”, con violíns country e que curiosamente foi número un nas listas de éxitos escandinavas. Harrison rubrica temas tan fermosos como “While my guitar gently weeps” (no que Eric Clapton toca a guitarra solista) ou “Long, long, long”. En “Sexy Sadie” Lennon métese abertamente co Maharishi aínda que cambia a última hora o nome do santón polo de Sexy Sadie na letra. Esta canción é unha mostra excelente do gran cantante que era Lennon e da imaxinación de Harrison á guitarra solista, así como de que as voces dos tres, con McCartney, podían seguir estando perfectamente conxuntadas.

O seguinte proxecto dos Beatles foi bautizado en principio Get Back e rematou sendo Let it be, que aínda que foi o último disco que lanzaron, co grupo xa disolto, foi gravado case na súa totalidade en xaneiro de 1969, pero as últimas sesións tiveron lugar en xaneiro do 70, tres meses antes de que Paul McCartney anunciara a fin dos Beatles.
O nome de “Get Back”, título dunha das cancións, respondía ó desexo de voltar ás orixes: querían que as sesións de xaneiro do 69 fosen ensaios para gravar un álbum en directo con cancións novas, diante dun público, sin parafernalias nin orquestacións. Ademáis esta sorprendente actuación  tamén sería filmada. Ninguén fixera algo así antes. Para dar cabida á multitude que acudiría a este concerto, chegouse a falar de dalo no deserto de Túnez. Lennon propuxo facelo nun manicomio.
Por aquel entón os roces entre os Beatles convertíronse en pelexas abertas, como se pode ver no documental que recolle a gravación do que sería o LP Let it be. Cundía o desencanto e finalmente lanzaron un disco convencional tralos arranxos orquestais que o productor americano Phil Spector engadiu a algunhas cancións que os Beatles rexistraran con vistas a estrealas en directo.
A pesar de todo, os Beatles sorprenderon ós que pasaban polo centro de Londres o 30 de xaneiro de 1969 ó mediodía. Deron un concerto dende o tellado dos seus estudios Apple, acompañados de Billy Preston ó teclado, con cancións pertencentes ó que sería  Let it be, como “Get back”, “I´ve got a feeling” ou “Don´t let me down”, que sería cara B de “Get back” como single. O concerto durou 42 minutos ata que chegou a policía.

A este concerto pertence a seguinte toma de “Get back”.

Nese mismo mes de xaneiro de 1969 apareceu Yellow Submarine, banda sonora da película de debuxos animados homónima, da que a metade son orquestracións de George Martin incluidas na susodita película. O LP tamén incluía dous temas relativamente antigos – tendo en conta a velocidade á que evolucionaban os Beatles- como son a propia “Yellow Submarine” e “All you need is love”. Quedan entón catro cancións que non foran editadas previamente, gravadas antes do álbum branco. Nun principio ós Beatles non lles facía moita gracia ser personaxes de debuxos animados (esta película foi un dos últimos acordos realizados por Brian Epstein), pero as boas críticas e o éxito popular da película fíxolles cambiar de opinión. Así que meteron aquí temas descartados previamente,como “All together now”, outra canción infantil de McCartney, “Only a Northern song”, tema olvidable de Harrison, e dúas grandes cancións, “It´s all too much”, tamén de Harrison, glorificando as posibilidades do LSD mentres vai medrando cara un gran clímax, e “Hey Bulldog”, de Lennon, unha boa peza de rock.
A película recolle o espíritu do “Verán do Amor” a través dunha estética innovadora, da que era responsable en gran parte Terry Gilliam, un dos membros de Monty Python e despois director de cine.

O 14 de abril de 1969 John Lennon e Paul McCartney gravaron sós “The ballad of John and Yoko”, que sería o próximo single con “Old brown shoe”, de Harrison, na cara B. A pesar de que a relación entre Lennon e McCartney pasaba un mal momento, ese día foron xuntos á sesión de bo humor e con bo rollo entre eles. McCartney tocou baixo, batería, piano, maracas e puxo unha segunda voz; Lennon tocou a guitarra acústica, a guitarra solista e cantou a voz solista. A canción fala da voda de John e Yoko en Xibraltar e das viaxes que fixeron despois.


Abbey Road

Abbey Road é o gran final dos Beatles, o broche de ouro á súa vertixinosa traxectoria xuntos, na que obviando o mal ambiente reinante puxeron o seu empeño en gravar o que eles sabían que era o seu último disco para que estivera á altura dos grandes logros dos Beatles. A el pertencen as derradeiras sesións de gravación completas, no momento en que Apple perdía cartos, Lennon e McCartney os dereitos sobre as súas cancións debido a chanchullos financieiros e Allen Klein (ex-mánager de grupos como os Rolling Stones) asumía a xestión dos intereses do grupo en contra da vontade de McCartney, que quería que isto o fixera a súa familia política.
Non hai nada disto en Abbey Road. O grupo está moi compenetrado e a mostra máis evidente é que é o disco con máis momentos cantados a tres voces. A pesares do dito, e supoño que para non romper a maxia das cancións, os catro Beatles coincidiron nos estudios de Abbey Road en moi poucas ocasións. Chegouse o acordo de que a cara A faríase segundo o criterio de Lennon e a B, formada por unha “suite” de temas ininterrumpidos, segundo o de McCartney.
A gravación prolongouse do 22 de febreiro ó 19 de agosto de 1969. Era a primeira vez que utilizaban un equipo de oito pistas para gravar, ata entón só dispoñían do de catro.
A fotografía da portada foi tomada en agosto diante do estudio no que os Beatles rexistraran tódos os seus discos; Paul McCartney foi descalzo porque vivía ó lado, era verán e tiña calor.
Abbey Road ábrese con “Come together”, antolóxico tema lennoniano que John tocaría en directo a cotío na súa traxectoria en solitario; Harrison aporta as grandes cancións  “Here comes the sun” e “Something”, unha das mellores cancións de amor da historia, dixo Frank Sinatra, e o único tema de Harrison que foi cara A dun single dos Beatles e a segunda máis versionada do grupo tras “Yesterday”.
O disco inclúe a segunda canción enteira que escribiu Ringo, “Octopus´s garden”, moi na liña de “Yellow submarine”.
A cara B, como xa adiantei, está formada case na súa totalidade por cancións encadeadas que ó parecer non foran rematadas. A última canción do último disco gravado polos Beatles é “The End”, a fin, na que Ringo se atreve por fin a facer un pequeno solo de batería e McCartney canta: “E ó final, o amor que te levas é o amor que diches.” Lennon, McCartney e Harrison túrnanse na guitarra solista deste tema.

Para dar conta de que as súas armonías vocais seguían sendo excepcionais, imos escoitar “Because” a capela.

O 10 de abril de 1970, tralo anuncio de McCartney, os Beatles deixan de existir. Ningún dos seus membros cumplira os trinta anos entón, e como é lóxico, durante as súas carreiras en solitario o peso de ter pertencido ó grupo máis exitoso da historia lastrará en maior ou menor medida o seu traballo.
No periodo de tempo de só oito anos dende a publicación do single “Love me do” os Beatles demostraron con creces a súa fertilidade creativa, sendo acompañados e seguidos por outros grupos e artistas nesta viaxe. As súas vidas persoais estaban totalmente expostas dende a súa primeira xuventude,as súas declaracións eran analizadas con lupa e os seus peiteados e atuendos eran copiados por doquier. A súa música deixou unha profunda impronta tanto no son como na forma de concebir un grupo musical. Dende entón son sempre o modelo a superar.
















 

Comentarios

Entradas populares